Lousame bótase ás redes para loitar contra a violencia de xénero

mércores, 18 de novembro do 2020 S. P.

O Concello de Lousame puxo en marcha a campaña en contra da violencia de xénero que terá como nome A árbore do bo trato. Esta iniciativa terá a súa base no formato dixital, como así indicou a concelleira de Igualdade, Silvia Agrafojo: “Diante da situación actual, evitamos actividades tradicionais como a Andaina contra a Violencia de Xénero e apostamos polas novas tecnoloxías, a nosa páxina web e as nosas redes sociais”.
A campaña terá como imaxe simbólica unha árbore, que estará composta por folla e froitos con propostas que impulsen o bo trato. Os veciños de Lousame poderán promocionar súas ideas a partir de vídeos, textos, imaxes e demais arquivos multimedia que serán expostos na páxina web do Concello. Para poder participar, o Concello de Lousame habilitará un photocall na Casa Consistorial para facer uso del en caso de que algún veciño o precise. Ademais poderanse enviar aportacións ó WhatsApp (689 126 385) e por wetransfer (nos@noscomunicacion.com).
A iniciativa, organizada pola Concellería da Igualdade do Concello de Lousame en colaboración co Ministerio de Igualdade e o Pacto de Estado contra a violencia de xénero, non será a única actividade posta en marcha deste tipo. Ademais da campaña A árbore do bo trato, o Concello celebrará nos próximos días unha reunión na que tomarán a decisión de levar a cabo unha serie de actividades que impulsen a repudia á violencia machista.

PUBLICIDADE