Lugo acolle a presentación oficial de Toupa.net

mércores, 2 de xuño do 2010 Raquel Noya

Toupa.net, a tenda en liña da compañía luguesa Lonxa Cultural, S.L. que botou a andar na Rede baixo o lema de cultura para levar (ao que lle podemos engadir sen medo a equivocarnos o noso selo: cultura galega para levar), vén de ser presentado oficialmente en Lugo, concretamente na Fundación Cel, como a primeira distribuidora que reúne nunha única plataforma web produtos culturais galegos de todos os ámbitos, que van dende os libros ata a música, pasando polo audiovisual e a banda deseñada.
A web, da que xa falamos en Código Cero con motivo da posta en marcha do seu proxecto editorial Módicos, para comercializar os seus propios libros de xeito exclusivo, fai tamén de espazo de venda creado nas claves de Internet, especificamente como comercio on-line B2C (dirixido ao consumidor), pero tamén como plataforma B2B (entre negocios).
Sergio Lago, que segundo afirman dende a entidade, “foi emprendedor do viveiro de empresas por dúas veces, co selo discográfico Falcatruada e coa distribuidora Lonxa Cultural”, afronta agora este terceiro proxecto innovador, e achegouse ata Lugo para explicar o seu funcionamento e os servizos que presenta, acompañado por Txiki Calvo, xefe de produto e responsable de contidos de Toupa.net.
Atendendo ao lema Cultura para levar, Toupa.net lánzase traballando nas liñas de venda ao cliente final, servizos a pequenas tendas con tarifas especiais para minoristas e servizos a bibliotecas, centros educativos e institucións que requiren fondos que resultan difíciles de atopar xuntos nun único espazo.
Porén isto só é o principio porque tanto Módicos como outras primicias en lanzamentos de produtos e ofertas exclusivas que están por vir, terán difusión a través dos espazos propios que ten Toupa.net nas súas redes sociais Twitter e Facebook, así como no blog Toupablog.net e no seu boletín electrónico de novas.
Esta ferramenta en liña, que saiu á Rede cun deseño moi funcional e atractivo para tódolos internautas, conta cun amplo catálogo de cultura para público adulto e infantil e unicamente require do rexistro das persoas usuarias cando estas precisen mercar algún dos seus produtos ou servizos.
Asemade, presenta distintas opcións de pago, con garantías no pedido e na compra, e con prazos de recepción establecidos en función da dispoñibilidade e do tempo de entrega do servizo loxístico; coa posibilidade, ademais, de efectuar devolucións.

PUBLICIDADE