MSI presenta un novo tablet con Windows 8.1

mércores, 13 de agosto do 2014 Marcus Fernández

Os tablets con Windows 8.1 continúan a coller forza, e a empresa taiwanesa MSI decidiu presentar un novo produto dentro desta familia, o MSI S100, que comercializarase cun teclado con touchpad e unha funda protectora, de xeito que aspira a ser un dispositivo multifunción que sexa apto tanto para usos creativos e de lecer como para traballos de produtividade.
Este tablet funciona co último procesador de catro núcleos Intel Atom Bay Trail-T, que consegue combinar un bo desempeño cun reducido consumo (de xeito que pode ter unha autonomía de até 10 horas coa súa batería de 7.500 mAh), inclúe 2 Gb de RAM e 64 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD) de xeito que consegue achegar unha boa experiencia de uso con Windows 8.1, tanto na súa interface táctil como coas aplicacións de escritorio tradicionais.
O MSI S100 ten unha pantalla IPS de 10,1 polgadas cunha resolución de 1.280 x 800 píxeles (o seu punto máis feble), cámaras frontal e traseira de 2 Mpíxeles, altofalante de 1 W, Wi-Fi N, Bluetooth 4.0, micro USB 2.0, mini HDMI 1.4a, un grosor de 9,8 milímetros e un peso de 595 gramos (que chegaría aos 890 gramos coa funda e o teclado, de xeito que sería unha opción máis lixeira que un ordenador portátil pese a cubrir as súas mesmas funcións).

PUBLICIDADE