Mad Catz prepara novos mandos para os xogadores profesionais

martes, 23 de agosto do 2011 Marcus Fernández

Os Arcade FighStick Tournament Edition estarán fabricados con compoñentes de máquina recreativa

O popular fabricante de sistemas de control para videoxogos Mad Catz vén de anunciar os seus novos mandos para Xbox 360 e PlayStation 3 baixo licenza da Grande Liga Profesional de Videoxogos (MLG) que poderán verse a partir do vindeiro venres no MLG Pro Circuit que terá lugar no Centro de Convencións de Raleigh, e que estarán dispoñibles nas tendas antes do Nadal.
Os novos produtos prometen unha alta calidade, de xeito que o Major League Gaming Arcade FightStick Tournament Edition utiliza compoñentes de máquinas recreativas fabricados por Sanwa Denshi, mentres que o mando Major League Pro-Circuit Controller opta por permitir aos xogadores a personalización dos seus elementos chave (por exemplo, é posible intercambiar as posicións dos controis analóxicos e dixitais do mando).
Outro detalle que indica a profesionalidade destes atractivos accesorios é o seu prezo, pois os MLG Arcade FightStick Tournament Edition xa poden reservarse a un prezo de 159,99 dólares (110,87 euros).

Nos Pro-Circuit Controllers será posible cambiar as disposicións dos controis (podendo intercambiar a cruceta cun stick analóxico).

PUBLICIDADE