Máis de 80 nenas participaron na iniciativa Oracle4Girls no CITIC

luns, 27 de maio do 2019 Redacción

O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña converteuse este sábado 25 de maio nun centro de traballo das rapazas e para as rapazas Estamos a falar da iniciativa Oracle4Girls, na que participaron máis de 80 nenas e arredor dunha trintena de pais e nais. O obxectivo deste proxecto posto en marcha por Oracle é achegar ás pequenas as disciplinas STEM (Science, Technology, Engineering and Mathematics).
O evento, que tivo lugar nas instalacións do CITIC no Campus de Elviña, estivo composto por sete obradoiros de circuítos con plastilina condutiva, de iniciación á programación, de controladores de tráfico e de coches teledirixidos, entre outras actividades creativas. Segundo fai saber o centro coruñés, a metodoloxía utilizada nestes talleres de formación baseouse na realización de pequenos proxectos, que permiten ás nenas e adolescentes gañar autoconfianza.
En canto ás charlas para pais e nais, a primeira delas desenvolveuse baixo o epígrafe O futuro da tecnoloxía e foi impartida pola investigadora do CITIC e coordinadora do Grao en Enxeñaría Informática da UDC, Laura Castro. Centrouse na importancia da tecnoloxía no presente e no futuro, salientando o papel da educación para promover a vocación científica. A segunda charla, Navega con Rumbo, veu da man da analista forense e membro do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Pilar Vila, que achegou recomendacións para un uso seguro de Internet.
O programa Oracle4Girls xa se levou a cabo noutras cidades como Madrid, Barcelona, Bilbao, Valencia, Sevilla, Málaga e Xixón, acadando unha participación de máis de 800 nenas en total.

PUBLICIDADE