Máis do 92% dos galegos emprega a Internet

xoves, 14 de novembro do 2024 Redacción

Evolución da porcentaxe de galegos que fixeron uso da Internet nos últimos meses

O OSIMGA vén de analizar os datos publicados hoxe polo INE sobre os Fogares e as TIC, entre os que destacan que o 92,5% dos galegos de entre 16 e 74 anos usan a Internet e o 53,6% comprou en liña nos últimos tres meses, 5,1 máis que o ano anterior e a só 3 puntos da media estatal. Tamén sobe a porcentaxe de persoas que vendeu pola Internet nun ultimo ano, que acada o 19,6%.
Até os 44 anos, os galegos superan a media estatal das compras en liña. Por tramos de idade, os galegos de 16 a 24 anos superan a media do Estado en máis de 15 puntos e en case 10 puntos, os galegos e galegas de 25 a 34 anos.
No último ano, o 83,2% de galegos realizou actividades relacionadas co lecer como escoitar ou ver contidos de vídeos en sitios para compartir (70,1%), descargar música (68,3%) ou ver vídeos baixo demanda en plataformas comerciais (60,3%).
Tamén destaca o uso da banca en liña, que empregan o 77,8% dos galegas, cun crecemento dun punto no último ano, o que mantén este indicador tres puntos por enriba da media estatal.

Equipamento no fogar e uso de Internet

O 80,4% dos fogares galegos dispoñen de ordenador, co que Galicia segue crecendo e dende 2020 pasou de estar a case 10 puntos da media estatal a só 2,6.
O 95,1% dos fogares galegos contan con conexión a internet, subindo case o dobre que o Estado no último ano, o que sitúa á Comunidade, por primeira vez, a menos de dous puntos porcentuais da media estatal. Tanto nos concellos grandes como nos pequenos supérase o 91,5% de fogares con conexión á rede.
O 83,1% dos fogares contan con banda larga fixa, despois de crecer un 11,7% no último ano, cerca do dobre que a media estatal.
Os datos do INE sinalan, tamén, que en Galicia o 38,4% dos fogares conta con aparellos conectados á Rede. Destaca o uso do asistente virtual en forma de altofalante intelixente ou app, que se sitúa no 24,2%. Os electrodomésticos con conexión a internet soben con forza, un 18,4% nos dous últimos anos, xa están no 18% dos fogares galegos.

Interacción coas Administracións Públicas a través da Internet

O 82,2% dos internautas de 16 a 74 anos empregaron algunha páxina web ou aplicación móbil das Administracións Públicas no último anos por motivos particulares, cun valor case idéntico á media estatal.
Respecto do uso de servizos relacionados coa administración, Galicia, co 60,1%, supera a media de persoas que concerta citas con servizos médicos. O 32,7% fai presentación da declaración de impostos online e o 59,2% realiza interaccións coa administración relacionadas co acceso a información.