Máis dun milleiro de estudantes da nosa terra participarán no Día das Rapazas das TIC

venres, 22 de abril do 2022 S. P.

O vindeiro 28 de abril temos unha cita coas tecnoloxías igualitarias e cunha Sociedade da Información libre de estereotipos e prexuízos de xénero. Estamos a falar da edición galega do Día Internacional das Rapazas nas TIC (International Girls in ICT Day), que se celebra como vén sendo habitual na sede do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) en horario de mañá, de 11.00 a 13.30 horas, e con conexión directa cos centros educativos da nosa terra: un total de 23, o que significa que está previsto que participen nos relatorios 1.100 estudantes. O Día das Rapazas nas TIC, unha celebración que recupera o seu formato habitual logo da pandemia para esta décima convocatoria, vén da man do CESGA, a Secretaría Xeral de Igualdade e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG).
Como dixemos, celebrarase o vindeiro xoves, 28 de abril, por multiconferencia. O acto será inaugurado pola directora de GAIN e presidenta do CESGA, Patricia Argerey; e contará coa intervención da conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana.
A actividade consistirá nunha multiconferencia web na que participarán catro profesionais galegas que contarán, dun xeito ameno e polo miúdo a súa traxectoria, no que traballan, e o que a tecnoloxía pode aportar en diversos campos para mellorar a vida de todas e todos. Desde os centros, as rapazas e rapaces de primaria e secundaria poderán enviar as súas preguntas e inquedanzas en directo para poder ter ese diálogo directo con elas. Tamén de forma presencial e ao remate do coloquio, un grupo de estudantes de primaria do Colexio Pío XII de Santiago realizará unha visita guiada polo CESGA e ao novo superordenador Finis Terrae III e participarán nalgunha actividade complementaria.
Participarán nunha mesa redonda, moderada pola coordinadora da área DE e-learning do CESGA, María José Rodríguez Malmierca, catro destacadas tecnólogas galegas que traballan e investigan en ámbitos relacionadas coas novas tecnoloxías, desde perspectivas moi distintas: Laura Martínez, Edita de Lorenzo e Lucía Ardao, que estarán de forma presencial, e Dhaunae de Vir, que se conectará desde Bruxelas.
O Día Internacional das Rapazas nas TIC é unha celebración a nivel internacional, orientada a motivar ás novas xeracións de mozas para que consideren o ámbito das novas ferramentas informáticas para o seu desenvolvemento académico, investigador e profesional.

Participantes no coloquio

Este ano contarase coas seguintes representantes do panorama tecnolóxico-dixital galego:

-Laura Martínez Calvo é unha licenciada en Farmacia pola USC, Máster en Investigación Biomédica e Doutora en Medicina Molecular cun traballo sobre técnicas xeoestadísticas no estudo de enfermidades complexas, en colaboración coa Harvard Medical School (Boston). Investigadora da Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (FIDIS) no eido da xenética en cancro e enfermidades raras, incorporouse como Técnica Superior de Proxecto á iniciativa EuroCC: National Competence Centres in the Framework of EuroHPC no Centro Supercomputación de Galicia (CESGA).

-Edita de Lorenzo é profesora titular del Departamento de Teoría da Sinal e Comunicacións de UVigo. Foi a primeira directora dunha escola de enxeñaría de Galicia, a de Telecomunicación da UVigo.
Ademais é vicedecana do Colexio de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG) e vicepresidenta da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG) e secretaria da xunta directiva da Asociación PuntoGal, amais de participar na Unidade de Muller e Ciencia de Galicia e no Comité de Sabias da Cátedra de Feminismos 4.0 da UVigo. Tamén é co-fundadora da sección española do WIE (Women in Engineering), que forma parte do IEEE.

-Dhaunae de Vir é oriúnda dos Ancares, pero actualmente reside en Bruxelas traballando como desenvolvedora de negocio de proxectos transmedia para unha empresa de videoxogos, Paradox Interactive. É especialista en eSports e conta cun Máster en Xestión e Marketing de Esports pola Universidade Europeia de Lisboa. É deseñadora de futuros certificada polo Institute for the Future de Palo Alto. Está titulada en Intelixencia Artificial pola Universidade de Oxford e en Transformación Dixital polo MIT. Amais de ser embaixadora das asociacións WomenTech Network e Women in Games, está a preparar a súa tese de Intelixencia Artificial para o Máster de Xestión Tecnolóxica da Open University.

-Lucía Ardao é Licenciada en Informática e Máster en Telemática pola Universidade da Coruña, programa de Alta Dirección AMP da IE Business e programa Executiva da Xunta de Galicia. A súa traxectoria profesional está vencellada a empresas do sector das Tecnoloxías da Información e as Telecomunicacións (TIC), desde spin-offs a empresas de software e consultoras, ocupando distintos postos de dirección rexional e corporativa, de unidades de negocio e operacións. Actualmente é directora de Galicia e directora de Operacións do Mercado Global de Industria e Consumo en Minsait (Indra). Premiada polo Colexio Oficial de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG) pola súa traxectoria profesional.

PUBLICIDADE