Máis dun terzo das firmas galegas ten plan de dixitalización

mércores, 4 de decembro do 2019 Fernando Sarasketa

O 37% das empresas de Galicia ten un plan ou programa de dixitalización. Este foi un dos moitos datos relevantes que se achegaron hoxe no marco dunha nova sesión galega dos APD Talks, os faladoiros de APD (a Asociación para Progreso da Dirección) sobre transformación e sobre as oportunidades que brindan as tecnoloxías para incrementarmos produtividade, competividade, eficiencia e pegada no mercado. A cita celebrouse en colaboración coa operadora Vodafone e a Xunta de Galicia.
O evento, desenvolvido no Hotel A Quinta da Auga Santiago, tamén serviu para presentar as conclusións do 3º estudo de Dixitalización das empresas e administracións públicas en Galicia, elaborado por Vodafone, do que se extraen datos como o devandito. Ou, tamén, que o 63% das empresas galegas declaran un nivel intermedio de dixitalización, ou que os investimentos son sobre todo para os eidos da seguridade e das ferramentas de colaboración.
Inauguraba o encontro Mar Pereira, directora de AMTEGA, quen explicou a súa estratexia para avanzar neste proceso xeral de transformación: “O noso obxectivo é situar a Galicia como unha Comunidade innovadora e dixitalizada. Somos a primeira Autonomía en ter unha axenda dixital, unha estratexia na que colabora a Xunta de Galicia con programas de educación, emprendemento e innovación”.
Pola súa banda, Paco Bree, profesor de innovación na Deusto Business School mostraba do seguinte xeito a súa visión sobre a evolución do papel dos directivos: “Aos directivos esixiránselles en 2020 tres novas capacidades: creatividade, capacidade de resolución de problemas complexos e pensamento crítico. Cando queremos creatividade, ten que haber espazo para a creatividade. Do mesmo xeito, ten que haber un espazo para tomar decisións cando hai que tomalas. E ese espazo deben provelo as empresas”.
Como dixemos, durante a xornada presentáronse as conclusións do terceiro estudo de Dixitalización das empresas e administracións públicas en Galicia, elaborado por Vodafone. Nel, entre outras cousas, sinálase que o 63% das empresas galegas declaran un nivel intermedio de dixitalización. Amais, infórmase na investigación, “aquelas que así o fan invisten principalmente en seguridade e ferramentas de colaboración”, sendo os beneficios desta aposta “unha maior eficiencia en procesos e tarefas e unha mellora na súa avaliación co cliente”. No estudo tamén se di que “o espazo no que as empresas galegas aínda deben mellorar é no uso de redes sociais”. De acordo á análise das máis de 150 entrevistas que se realizaron para elaborar o informe, a media das empresas galegas que utilizan as RRSS está 10 puntos por baixo da media nacional.
Deste xeito, os datos do informe sitúan a Galicia “nunha boa posición en comparación coa media estatal”. Tamén se fai saber que “tres de cada catro empresas galegas investiron en dixitalización nos últimos dous anos e o 37% das empresas da Comunidade teñen un plan ou programa de dixitalización dentro das súas organizacións”. Ambos os parámetros son superiores aos da media española.

PUBLICIDADE