Mando a distancia con recoñecemento de voz

luns, 12 de xaneiro do 2009 Marcus Fernández

A empresa irlandesa Amulet Devices leva un par de anos traballando nunha tecnoloxía de recoñecemento de voz para a reprodución multimedia no fogar, que se concreta en dispositivos coma o Amulet Remote, un mando a distancia para Vista Media Center que responden ás nosas ordes faladas dun xeito espectacular e que se puido ver nos pasados días no CES de Las Vegas.
O mando a distancia integra un micrófono que transmite a nosa voz ao software de Amulet instalado no noso Media Center, convertendo as nosas ordes en instrucións precisas, de xeito que podemos pedirlle que reproduza os temas dun grupo musical, que presente en pantalla a película que digamos, que nos amose unha galería fotográfica concreta e mesmo que cambie de canle, estando esta última función sincronizada coa guía de programación, de xeito que podemos dicir que cambie á nosa serie preferida sen ter que precisar a canle na que se emite (especialmente práctico para plataformas de pago nas que se poden ver as mesmas series a distintas horas).
O Amulet Remote comezará a comercializarse en marzo, e polo momento está preparado para recibir ordes en inglés. O prezo desta nova versión aínda non se coñece, pero non se agarda que sexa reducido, pois a versión estándar ten un prezo fixado en 299 dólares.


Demostración das posibilidades da tecnoloxía desenvolvida por Amulet Devices

PUBLICIDADE