Mario Kart 8 recibirá contidos descargables de Zelda e Animal Crossing

mércores, 27 de agosto do 2014 Marcus Fernández

Nintendo anunciou hoxe que lanzará dous novos lotes de contido descargable adicional para o xogo Mario Kart 8, que ampliarán este xogo de Wii U en novembro de 2014 e a finais de maio de 2015, podendo mercarse cada un por 8 euros de xeito independente ou 12 euros de xeito conxunto. Este paquetes descargables suporá a primeira aparición dentro dun Mario Kart de Link (protagonista de The Legend of Zelda) e de Canela e o Aldeán (de Animal Crossing).
Cada un dos novos DLC incluirán dúas novas copas (con 4 circuítos cada unha), incrementando un 50% o número de circuítos do xogo. Inclúe circuítos clásicos (como a Mina de Wario de Mario Kart Wii) e circuítos novos (como os localizados nos mundos de The Legend of Zelda e Animal Crossing), así como tamén suporán a chegada de novos vehículos como o kart Blue Falcon (que representa á franquía F-Zero).
Os usuarios que adquiran ambos lotes de contido descargable poderán gozar tamén de 8 novas cores de Yoshi e 8 novas cores de Shy Guy, cos que competir de inmediato.
O primeiro lote que chegará en novembro responde ao nome de The Legend of Zelda X Mario Kart 8 e inclúe 4 vehículos, 8 circuítos e 3 personaxes (Mario Tanuki, Peach Felina e Link); mentres que polo lote Animal Crossing X Mario Kart 8 haberá que agardar ao mes de maio, e incluirá outros 4 vehículos, 8 circuítos e 3 personaxes (Aldeán, Canela e Bowsitos). Estes DLC poden adquirirse de xeito anticipado dende hoxe mesmo, día no que Mario Kart 8 recibe unha actualización de balde que engade novas opcións e 3 coches Mercedes-Benz.

Os novos DLC enriquecen o número de personaxes dispoñibles en Mario Kart 8

PUBLICIDADE