Mario Kart Tour é o mellor lanzamento móbil de Nintendo

venres, 27 de setembro do 2019 Marcus Fernández

A chega a móbiles de Mario Kart Tour sería o lanzamento máis importante de Nintendo para dispositivos móbiles, superando por moito ao Super Mario Run, confirmando o pulo da franquía de Mario Kart, aínda que será preciso deixar pasar bastantes semanas para saber se a fórmula de free-to-play adoptada nesta ocasión (que permite tanto mercar moedas do xogo como facerse cunha subscrición mensual que desbloquea o modo de xogo máis rápido) é realmente atinada.
Segundo SensorTower o Mario Kart Tour tería superado os 20 millóns de descargas nas súas primeiras 24 horas, chegando a 1 millóns de dólares en ingresos, resultados moi prometedores que os comparamos con Super Mario Run (7 millóns de descargas), Fire Emblem Heroes (1,8 millóns de descargas), Animal Crossing Pocket Camp (1,7 millóns de descargas), Dr. Mario World (650.000 descargas) e Dragalia Lost (150.000 descargas).
No que se refire aos ingresos, dende SensorTower apuntan aseguran que nas primeiras 24 horas conseguiu 1 millóns de dólares, o que queda lonxe dos 4,3 millóns que conseguiu no seu día Fire Emblem Heroes, pero nesta ocasión non é significativo do éxito do xogo, xa que probablemente teñan un comezo lento, xa que os usuarios non teñen a necesidade de pagar até que avanzan bastante, e as subscricións de 5,49 euros/mes a través do pase dourado poderían ser a chave do éxito deste título, de conseguir captar a un bo número de usuarios fieis.
O xogo tamén contará con actualizacións frecuentes, de xeito que os xogadores veríanse animados a xogar a longo prazo, de xeito que até dentro duns meses non saberemos se a aposta de Nintendo foi atinada, pero semella que é así, e que os cambios incluídos na xogabilidade de Mario Kart Tour farán que non erosione as vendas dos Mario Kart de consola, polo que conseguirán ter ingresos por ambas canles.

PUBLICIDADE