MaskFone: a máscara con auriculares Bluetooth

venres, 30 de outubro do 2020 Marcus Fernández

Durante a pandemia as máscaras convertéronse xa nun accesorio de uso cotián, e aproveitando iso hai compañías que están a desenvolver solucións tecnolóxicas que principalmente buscan ter éxito grazas a ser unha novidade que resulta moi rechamante neste momento, como a MaskFone, unha máscara reutilizable equipada con filtros FFP2 intercambiables que integra auriculares sen fíos para que poidamos escoitar música ou atender a chamadas telefónicas comodamente durante o seu uso.
Este produto que verá a luz o vindeiro 8 de novembro véndese a un prezo de 49,99 euros, o que pode parecer bastante caro se temos en conta que realmente estamos ante unha simple máscara reutilizable cun peto no que agochar o cable e os botóns duns auriculares sen fíos (que semellan ser os Motorola Verveloop105, que custan menos de 28 euros).
Resulta evidente que os auriculares non poden formar parte da máscara, polo feito de que hai que extraelos para poder lavala, do que podemos deducir que non se trata dunha solución moi práctica, e sería moito máis recomendable empregar auriculares sen fíos que non estivesen integrados na máscara.
Semella que estamos ante unha solución ante un problema que non existe (o uso de auriculares sen fíos non interfire co uso de máscaras), e a única vantaxe posible da MaskFone sería o feito de ter situado o micrófono dentro do peto que integra a máscara, ou sexa, moi preto da boca, facendo que a voz se escoite lixeiramente mellor que por fóra da máscara. Pola contra, ter que premer nuns botóns situados contra o queixelo para controlar a reprodución e o volume dos auriculares non é algo que resulte cómodo en absoluto, polo que non parece que vaiamos estar ante un produto que cree tendencia, aínda que non sorprendería que aparecesen copias máis económicas nos vindeiros meses.

A MaskFone é unha máscara reutilizable que integra uns auriculares sen fíos de Motorola

PUBLICIDADE