Mateo Valero, director do Centro Nacional de Supercomputación, impartirá unha conferencia no CiTIUS

luns, 25 de outubro do 2021 S. P.

Este venres 29 de outubro, a partir das 12:30 horas, o centro CiTIUS da USC acollerá a charla de Mateo Valero, fundador e director do Barcelona Supercomputing Center e un dos maiores referentes no eido da supercomputación a nivel mundial. A conferencia, organizada en colaboración co Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), celebrarase no salón de actos do CiTIUS ata alcanzar o límite de aforo, e será transmitida en liña para aquelas persoas que non poidan asistir de maneira presencial.
Segundo informa o centro compostelán centrado en Intelixencia Artificial, ao longo da súa charla Mateo Valero resumirá a situación actual e as transformacións que se producirán no futuro próximo nos sistemas de computación de altas prestacións (HPC, polas súas siglas en inglés), incluíndo o seu forte impacto na investigación científica. Avaliaranse cuestións concretas como a computación masiva e as súas posibilidades para usar múltiples técnicas como as redes neuronais aplicadas a problemas do mundo real (dando lugar ao que chamamos Intelixencia Artificial, IA), ou tamén o potencial futuro da computación cuántica, baseada no uso dos fenómenos da mecánica cuántica para
manipular a información. Todos estes avances, apunta o centro compostelán, poden axudar, ou nalgúns casos mesmo substituír, ás técnicas clásicas.
Sobre o relator
Mateo Valero é fundador e director do Barcelona Supercomputing Center. Profesor desde 1974 e catedrático en Arquitectura de Computadores na Universidade Politécnica de Cataluña desde 1983, a súa investigación céntrase na arquitectura dos computadores e supercomputadores. Publicou aproximadamente 700 artigos, ten colaborado na organización de máis de 300 congresos internacionais, e impartido máis de 700 conferencias. Entre os seus premios, o tres máis importantes a nivel mundial no seu campo: premio Eckert-Mauchly (2007), outorgado polo IEEE-ACM; premio Seymour Cray (2015), outorgado polo IEEE e premio Charles Babbage (2017), outorgado por IEEE.

PUBLICIDADE