Mazaricos suma 582 novas unidades inmobiliarias á rede de fibra de Movistar

luns, 6 de xullo do 2020 S. P.

Telefónica segue ampliando nos nosos concellos a súa cobertura de tecnoloxía FTTH, e un dos termos municipais onde se veñen de dar importantes avances é o de Mazaricos (A Coruña), onde xa hai 582 novas vivendas e locais incorporadas á rede galega de unidades inmobiliarias que teñen ao alcance da man da fibra da operadora, e que se unen, tamén ás preto de 300 unidades de Mazaricos que xa dispuñan previamente do servizo.
Os novos domicilios e empresas en cobertura sitúanse en tres núcleos de poboación: A Picota, Insua e Serráns. Ao longo desta semana entrarán tamén en conexión outras 102 novas unidades inmobiliarias nos municipios de Agar, Atán, Cacheiros, Lugarnovo, Pazos, Ponte Oliveira e Quintáns.
A posta en cobertura destes fogares, que xa foi comunicada ao alcalde do municipio, Juan José Blanco, significa que poderán gozar da fibra óptica de Movistar, que ofrece voz con alta calidade nas chamadas e máxima velocidade de conexión a Internet en varios dispositivos (computador, tableta, móbil) de xeito simultáneo e sen reducir velocidade de conexión, entre outras vantaxes. Ademais, se o usuario dispón de Movistar+, terá acceso a canles de alta definición e poderá gozar dos seus contidos mentres navega por Internet, amais de conseguir a máxima velocidade e resposta nos xogos en rede.
O despregue nos novos fogares que entran agora en cobertura está impulsado polo Ministerio de Economía a través do Plan Nacional de Extensión de Banda Ancha de Nova Xeración -PEBANG.
A finais de 2019, o 56% da poboación da provincia da Coruña contaba con cobertura de fibra óptica (FTTH) de Movistar, o que supuxo un total de 444.526 vivendas e negocios e un 11% máis que no exercicio anterior.
A previsión é que na provincia da Coruña entren este ano en cobertura outras 39.913 unidades, tamén en núcleos dispersos e orograficamente complexos. Isto, sinala a operadora, suporá “que a poboación da provincia que poderá gozar da fibra óptica de Telefónica se incremente nun 9%”.

PUBLICIDADE