MeLiSA organiza unha nova xornada de software libre científico o 25 de abril
martes, 9 de abril do 2019
A
Asociación de Usuarios de Software Libre de Terra de Melide (MeLiSA)
vai organizar o vindeiro 25 de abril a segunda edición da súa
Xornada de presentación de
Software Libre para uso científico. A cita será na aula magna
da Facultade de Matemáticas de Santiago, no Campus Sur. O obxectivo
principal da xuntanza é o de compartir coñecementos e experiencias
arredor dos programas abertos e a tecnoloxía sen cancelas para a
comunidade investigadora.
Asemade,
presentarase a versión 4.0 da ferramenta BioStatFLOSS,
que unha escolma de software libre de utilidade para estudos de
saúde, investigación biomédica e formación bioestatística.
A
xornada conta co apoio da dita asociación e da Axencia para a
Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e da Facultade de
Matemáticas da Universidade de Santiago. O acceso é libre, e a
inscrición de balde, podendo ser realizada na ligazón
http://xornada.melisa.gal/#formulario.
O
programa de actividades dará comezo ás 9.00 horas, coa recepción
de asistentes, para dar paso pouco despois á inauguración e á
benvida, a cargo de Rafael Rodríguez Gayoso, presidente de MeLiSA.
Máis tarde será a quenda dos relatorios, a cargo de Rosa Crujeiras
Casais (Ciencia en aberto), Francisco Pena Brage (Cálculo
con software libre: Octave e Sagemath) e Juan Carlos Arroyo
(Ferramentas útiles para desenvolvedores). Logo da pausa para
o café do mediodía, retómanse as conferencias da man de Rafael
Rodríguez Gayoso (CKAN: datos abertos e accesíbeis), María
José Ginzo Villamayor (Sistemas de información xeográfica:
QGIS) e Miguel Ángel Rodríguez Muíños (BioSatFLOSS 4.0:
Escolma de Software Libre Científico para Windows).