Medal of Honor agocha aos talibáns no seu modo multi-xogador

luns, 4 de outubro do 2010 Marcus Fernández

A polémica está a converterse nunha tónica habitual nos grandes xogos de acción en primeira persoa con ambientación bélica coma Call of Duty, ou iso parece se atendemos ao que está a acontecer agora coa recuperación da franquía Medal of Honor, agora ambientada na guerra de Afganistán, que por mor da presión popular tiveron que eliminar a posibilidade de poder manexar ao bando talibán nas partidas multi-xogador, aínda que para facer tal sen ter que refacer todo o título limitáronse a cambiar o nome de talibán polo de forza opositora.
Esta medida adoptada polos responsables do xogo de Electronic Arts está a ser moi criticada, pois supón un perigoso precedente, xa que a auto-censura non é o máis desexable nos xogos que buscan certo realismo. Dende o Exército norteamericano criticaban a posibilidade de manexar aos talibáns no xogo asegurando que non pode aplicarse á unha guerra en curso unha analoxía como a dos policías e ladróns ou os indios e os vaqueiros, pese a que dende EA aseguraban todo o contrario, de aí que resulte difícil de entender que desen o seu brazo a torcer.


Novo trailer de Medal of Honor

PUBLICIDADE