Mediaset ofrecerá fútbol a través de Mitele Plus

venres, 19 de xullo do 2019 Marcus Fernández

O vindeiro luns botará a andar Mitele Plus, o que supón a evolución da plataforma de vídeo baixo demanda de Mediaset, Mitele, abrindo a porta a subscricións de pagamento, de xeito que por 2,5 euros/mes ou 25 euros/anos os usuarios terán acceso aos contidos en directo ou á carta sen anuncios, estando o servizo dispoñible para ordenadores persoais, dispositivos móbiles e, en breve, televisores conectados.
Pero nas últimas horas desvelouse que Mitele Plus tamén contará coa posibilidade de engadir todo o fútbol de La Liga, a Champions e a Europa League por 35 euros/mes (30 euros/mes os 3 primeiros meses de xeito promocional). Deste xeito habería unha alternativa bastante solvente a Movistar e Orange á hora de contratar o fútbol televisado agora que varias das plataformas que permitían a contratación de deportes a través de streaming estean a retirarse da competición por facerse cos dereitos de retransmisión.
O fútbol a través de Mitele Plus será máis caro que outras plataformas alternativas en anos anteriores, pero agora que parecen estar fóra do taboleiro serán unha boa opción para quen non queira asociar a televisión de pagamento a un paquete de telecomunicacións concreto.

PUBLICIDADE