Messenger Rooms permitirá videoconferencias con até 50 persoas

venres, 24 de abril do 2020 Marcus Fernández

Ante a popularidade que están a coller as videoconferencias en grupo con aplicacións como Zoom, dende Facebook decidiron realizar un ataque frontal e lanzar Messenger Rooms, un servizo de chamadas de vídeo grupais nas que os usuarios de Messenger ou Facebook poden xuntarse en salas dende as que convidar a outras persoas (que incluso poden participar sen ter conta en Facebook) coa posibilidade de participar até 50 individuos á vez sen límite de tempo.
Deste xeito os usuarios de Facebook poden organizar lugares de encontro con amigos, familiares ou, simplemente, xente coa que compartan algún interese particular, podendo incluso compartir a sala a través de Facebook para que outros usuarios a coñezan e se acheguen alí, de xeito que poderían ter un uso máis amplo que Zoom.
Amais, dende Facebook aseguran que están a preparar a posibilidade de organizar salas deste tipo a través de Instagram Direct, WhatsApp e dispositivos Portal.
Para participar en Messenger Rooms chega con recibir unha invitación no noso smartphone ou ordenador, non sendo precisa a instalación de software adicional para unirse á conversa.
Dende Facebook aseguran que máis de 700 millóns de contas de Messenger e WhatsApp participan en chamadas de voz e vídeo a diario, e en moitos países o número de chamadas dobrouse dende o comezo da pandemia, mentres que as chamadas de vídeo en grupo nalgúns casos pasaron de multiplicarse por 10.
Para facer máis atractivo este servizo tamén veñen de incorporar funcionalidades como a posibilidade de introducir fondos inmersivos nas comunicacións en vídeo e 14 novos filtros de cámara que ofrecen iluminación ambiental ano noso espazo e á nosa cara, conseguindo así uns resultados que animarán a moitos usuarios a xogar coa aplicación.

PUBLICIDADE