Mestrelab, Alice Biometrics e o grupo LBD, gañadores da quinta edición dos Premios Spin-Off Puntogal

mércores, 20 de outubro do 2021 S. P.

As e os integrantes do grupo Mestrelab nunha imaxe de grupo

Mestrelab Research, spin-off da Universidade de Santiago, Alice Biometrics, nova firma innovadora viguesa, e o grupo Laboratorio de Bases de Datos da UDC son os gañadores da quinta edición dos Premios Spin-Off convocados por Puntogal, que distinguen as iniciativas máis destacadas do novo emprendemento innovador galego e dos nosos grupos de investigación. Mestrelab foi distinguida na modalidade Selo de Calidade, Alice Biometrics na de Idea Emerxente e o Laboratorio na de Grupos de Investigación.
Segundo informou a organización do concurso, “o elevado nivel das propostas presentadas foi un dos factores destacados polo xurado duns premios que organizan o dominio PuntoGal e o portal GCiencia e que contan coa colaboración da Secretaría Xeral de Universidades da Xunta e da empresa Gadis”.
O xurado acordou por unanimidade a concesión de cada un destes galardóns aínda que recoñece que “houbo un longo debate en cada categoría”. Entre os obxectivos dos premios figuran distinguir a transferencia de coñecemento entre a Universidade e a Empresa e alentar o emprendemento que xurde desde os grupos de investigación universitarios.
Na categoría de Idea Emerxente, que premia a empresas de recente creación ou que levaran ao mercado unha idea innovadora en tempos recentes, foi elixida como gañadora a empresa de Vigo Alice Biometrics, que desenvolveu unha solución á necesidade de poñer en marcha sistemas de identificación biométrica remotos. Esta aplicación permite a outras compañías e institucións verificar a identidade dos seus clientes e usuarios mediante un documento de identidade e unha auto-foto.
No que se refire ao apartado de Grupos de Investigación, o xurado acordou elixir como gañador ao Laboratorio de Bases de Datos (LBD), grupo adscrito á Universidade de A Coruña. Destácase especialmente a traxectoria dun grupo que ven traballando dende o ano 1996 no ámbito das tecnoloxías de bases de datos e sistemas de información para a xestión de empresas e entidades, con fitos como a creación da Biblioteca Virtual Galega. Ademais, o grupo está encabezado pola prestixiosa investigadora Nieves Rodríguez Brisaboa, que obtivo o Premio Nacional de Informática en 2019.
Para rematar, no apartado Selo de Calidade, que distingue a empresas innovadoras que consolidaran unha traxectoria de prestixio nos últimos anos, premíase á spin-off da Universidade de Santiago Mestrelab Research. Trátase dunha compañía nacida en 2004 que é xa un referente mundial no software especializado en investigación química. O xurado destacou “o elevado nivel de internacionalización da compañía e a capacidade para consolidar un modelo de negocio de éxito e tamén tivo en conta a súa aposta polo talento local nun campo de actuación moi competitivo”.
Os integrantes do xurado foron as investigadoras Edita de Lorenzo, Andrea Muras e Sonia Martínez Arca, o representante da Secretaría Xeral de Universidades, Faustino Infante Roura, e a CEO da empresa Galchimia, Carme Pampín.
O acto de entrega dos premios terá lugar antes de final de ano en A Coruña coa presenza de destacados representantes institucionais, académicos e empresariais.
En anteriores edicións destes galardóns xa foron premiadas empresas consolidadas e de longa traxectoria como Imatia ou Innolact, xunto a outras que se distinguiron por achegar innovacións importantes ao tecido empresarial galego como Situm ou All Genetics. En 2020 os gañadores foron o grupo VARPA (Grupos de Investigación), Psico VR (Idea Emerxente) e Orballo (Selo de Calidade).

PUBLICIDADE