Meta baixa o prezo dos seus cascos de realidade virtual

venres, 3 de marzo do 2023 Marcus Fernández

O pasado outono saíu á venda o casco de realidade virtual Meta Quest Pro a un prezo de 1.799,99 euros, o que resultaba bastante sorprendente por afastarse moitísimo dos 449,99 euros aos que se vendía o casco Meta Quest 2, de aí que agora non sorprenda que a compañía de Mark Zuckerberg anuncie unha baixada de prezo a partir do 5 de marzo, cando o dispositivo Meta Quest 2 con 256 GB de capacidade de almacenamento baixará nos EE.UU. aos 429,99 dólares e o casco Meta Quest Pro cae até os 999,99 dólares (ou sexa, reduce o seu prezo un 33%).
Esta baixada de prezo chega cando hai informacións que apuntan a que o futuro casco Meta Quest 3 terá un prezo considerablemente superior ao modelo actual para poder dar un salto de calidade, prevendo incluso unha versión Lite para usuarios menos esixentes.
Cómpre salientar que, aínda que o anuncio se fixese en dólares, o cambio de prezo tamén terá lugar en España, aínda que non se concretou publicamente o novo prezo en euros dos cascos de realidade virtual de Meta.

A caída de prezos dos cascos Meta Quest nos seus modelos máis caros é importante

PUBLICIDADE