Metal Gear Survive xa está dispoñible para Xbox One, PS4 e PC

venres, 23 de febreiro do 2018 Marcus Fernández

A longa saga de Metal Gear Solid deuse por rematada, pero iso non quere dicir que Konami deixe morrer a franquía, e así esta semana lanzou o que poderiamos considerar un spin-off, o xogo Metal Gear Survive, que continúa a historia de Metal Gear Solid V trasladando a acción a un universo alternativo. Este novo xogo mestura as mecánicas de infiltración propias da saga orixinal con elementos de exploración e supervivencia, para crear unha experiencia completamente nova, na que podemos crear un personaxe e aprender a sobrevivir conseguindo recursos, fabricando armas, construíndo un campamento base e explorando o descoñecido mentres se sobrevive neste contorno hostil.
Este xogo pode gozarse en solitario, pero non esquece un modo cooperativo no que pode xuntarse un equipo de até 4 xogadores para infiltrarse e defender zonas de hordas de criaturas, sendo a chave do éxito o traballo en equipo e a administración de recursos.
Metal Gear Survive pode adquirirse xa para Xbox One, PlayStation 4 e PC (Steam) a un prezo de 39,99 euros, no que parece unha declaracións de intencións, deixando claro que non é unha grande entrega da saga orixinal, pero que podería resultar divertido para os seus seareiros.

Tráiler de lanzamento do xogo

PUBLICIDADE