Micro-Flip, un cable micro USB reversible que busca financiamento

venres, 10 de xullo do 2015 Marcus Fernández

O deseño do conector do Micro-Flip permite que funcione en dispositivos actuais en calquera sentido

Os portos USB tipo C están a ser bastante ben recibidos, entre outras cousas, por ser reversibles, facilitando moito o seu uso no día a día, pero dende Kickstarter están a organizar unha campaña de micromecenado para financiar Micro-Flip, un cable micro USB que é capaz de funcionar de xeito independente ao sentido no que se conecte a dispositivos actuais, sen ter o problema de que non encaixe, grazas a un deseño bastante intelixente que agradecerán os que queiran evitar tal dificultade mentres non se impoñen os novos conectores.
Esta campaña busca xuntar 15.000 dólares (obxectivo que previsiblemente superarán en breve) e de trunfar permitiría que os seus mecenas reciban en outubro un destes revolucionarios cables que custarían 12 dólares (10,76 euros) para unha lonxitude de 1 metro e 15 dólares (13,45 euros) para o modelo de 2 metros de lonxitude. Tamén aceptan peticións de varias unidades para conseguir descontos por volume.
Cómpre destacar que a solución adoptada para deseñar un cable micro USB reversible fai que non sexa compatible cos sistemas de carga rápida cos que contan numerosos smartphones actuais, xa que o deseño do Micro-Flip fai uso de 5 pins, mentres que os sistemas de carga rápida fan uso de pins para poder transmitir corrente adicional.

O cable pode adquirirse en lonxitudes de 1 ou 2 metros por 12 e 15 dólares respectivamente

PUBLICIDADE