Micromax pon á venda na India un potente smartphone por só 13.990 rupias

mércores, 13 de febreiro do 2013 Marcus Fernández

Os fabricantes asiáticos de smartphones cada vez acadan unha maior relevancia, en boa medida por saber combinar boas prestacións con un prezo axustado, e ao habitual dominio chinés parece quererse sumar a India. Como exemplo desta tendencia temos agora a Micromax, fabricante que pon hoxe á venda o seu smartphone A116 Canvas HD, que por só 13.990 rupias (uns 193 euros) ofrece un dispositivo con pantalla IPS de 5 polgadas cunha resolución de 1.280 x 720 píxeles, procesador Cortex A7 MT6589 de catro núcleos a 1,2 GHz, 1 Gb de RAM, 4 Gb de memoria interna (ampliable mediante tarxetas de ata 32 Gb), cámara traseira de 8 Mpíxeles con flash LED e frontal de 2 Mpíxeles, Bluetooth 4.0, Wi-Fi, USB 2.0, batería de 2.000 mAh, sistema operativo Android 4.1.2, 10,7 milímetros de grosor e 156 gramos de peso. Todo un alarde de potencia para un smartphone de tal prezo, que para rematar de completar a ecuación soporta dúas tarxetas SIM simultáneas.
Aínda que inicialmente non se espera a comercialización global deste móbil (de feito, xa se esgotaron as unidades postas á venda inicialmente), Micromax ten negocios en numerosos territorios(principalmente Asia, Oriente Próximo e Brasil) polo que non sería de sorprender que chegase a exportarse nuns meses.

PUBLICIDADE