Micromax presenta os seus primeiros móbiles con Windows Phone

luns, 16 de xuño do 2014 Marcus Fernández

Parece que os avances de Windows Phone 8 e a nova estrutura de licenzas de Microsoft (que ofrece Windows de balde para equipos con pantallas de menos de 9 polgadas) está a animar a moitos fabricantes a dar unha oportunidade a esta plataforma móbil, como a compañía da India Micromax, que presenta hoxe os seus dous primeiros dispositivos con Windows Phone: os smartphones Canvas Win W121 e Canvas Win W092.
O Canvas Win W121 é un smartphone con pantalla IPS de 5 polgadas e alta definición, procesador Qualcomm Snapdragon 200 de catro núcleos, 1 Gb de RAM, 8 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas de memoria de ata 32 Gb), cámaras de 8 e 2 Mpíxeles e soporte para dobre SIM, que chega cunha carcasa traseira de cor negra e imitación de pel. Comezará a venderse o mes que vén a un prezo de 9.500 rupias (116,30 euros).
O Canvas Win W092 é un teléfono móbil máis modesto, cunha pantalla IPS de 4 polgadas e resolución WVGA, procesador Qualcomm Snapdragon 200 de catro núcleos, 1 Gb de RAM, 8 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas de memoria de ata 32 Gb), cámaras de 5 e 0,3 Mpíxeles, soporte para dobre SIM e un prezo de 6.500 rupias (79,58 euros).
Estes novos terminais supoñen unha importante redución do prezo de entrada en dispositivos con Windows Phone 8, agardándose que nas vindeiras semanas a familia de smartphones co sistema operativo de Microsoft medre considerablemente coa chegada de novos dispositivos de fabricantes como BLU, InFocus, Prestigio e Yezz.

PUBLICIDADE