Microsoft anuncia novos smartphones cun prezo axustado

luns, 2 de marzo do 2015 Marcus Fernández

O Lumia 640 mantén a súa pantalla nas 5 polgadas

Ás 8:30 horas Microsoft celebrou unha presentación enmarcada no Mobile World Congress na que anunciou un par de novos smartphones da familia Lumia que destacan polo seu prezo asumible, que non está rifado cunhas boas prestacións, e que posiblemente consigan unhas vendas masivas, en boa medida porque teñen garantido o seu futuro a longo prazo, xa que a compañía de Redmond confirmou que poderán actualizarse a Windows 10.
O Lumia 640 e Lumia 640 XL son uns smartphones bastante completos que buscan ter unha boa relación co escritorio informático e coa produtividade, de xeito que incluirán unha subscrición persoal durante un ano ao servzio Office 365, o que permitirá gozar do software Microsoft Office no teléfono e tamén nunha tableta e nun ordenador (con Windows ou OS X) incluíndo tamén 1 TB de almacenamento en OneDrive. Un excelente complemento que animará aos novos usuarios de terminais Lumia a confiar máis nos servizos na nube.

O Lumia 640 XL conta cunha pantalla de 5,7 polgadas

O Lumia 640 é un smartphone con Windows Phone 8.1 que conta cunha pantalla IPS de alta definición de 5 polgadas, cun procesador Qualcomm Snapdragon 400 de catro núcleos a 1,2 GHz, 1 GB de RAM, 8 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de até 128 GB), cámaras de 8 e 0,9 Mpíxeles, NFC, Bluetooth 4.0, Wi-Fi N, batería de 2.500 mAh, un grosor de 8,8 milímetros e un peso de 145 gramos, que no seu modelo 3G terá un prezo de 139 euros (sen impostos) e que na súa versión con LTE custará 159 euros.
No caso do Lumia 640 XL a pantalla medra até as 5,7 polgadas, indo acompañada por unha batería de 3.000 mAh e cámaras de 13 e 5 Mpíxeles, o que fai que o grosor ascenda até os 9 milímetros e o peso até os 171 gramos. O prezo tamén se incrementa até os 189 euros no modelo 3G e 219 euros no caso do modelo 4G (LTE).
Estes novos terminais sairán á venda o mes que vén, aínda que no foi o único produto presentado hoxe por Microsoft, que tamén deu a coñecer o seu novo teclado universal, que pode dobrarse pola metade para facilitar o seu transporte, e que a través de Bluetooth poden conectarse a ordenadores, tabletas e smartphones (sendo compatible tamén con Windows Phone a partires da chegada de Windows 10).


Vídeo promocional dos novos Lumia presentados esta mañá

PUBLICIDADE