Microsoft anuncia numerosas novidades sobre xCloud e Xbox Game Pass

venres, 15 de novembro do 2019 Marcus Fernández

A pasada noite o X019 organizado por Microsoft botou a andar en Londres cunha emisión especial de Inside Xbox na que deron conta dunha chea de novas relativas ao mundo dos videoxogos, nos que as consolas Xbox foron o eixe ao redor do que xiraron, aínda que tamén adiantaron detalles sobre o cada vez máis prometedor sistema de xogo na nube que está a preparar a compañía de Redmond.
O Project xCloud, polo momento en probas en Corea, Reino Unido e EE.UU., promete que en 2020 chegará a parte de Europa (sen un calendario definido) e non só permitirá que gocemos de xogos de Xbox en teléfonos, tabletas e en calquera lugar, senón que tamén confirmaron a súa chegada a Windows 10 para o ano que vén e, como boa nova para moitos, engadiron que están a ampliar o soporte de mandos Bluetooth, de xeito que incluso funcionará cos de PlayStation 4 (para fortuna dos que xa teñen varios mandos na casa).
Esta plataforma de xogo na nube de Microsoft confirmou a recepción de máis de 50 novos títulos na súa fase de probas (o que poderiamos considerar que eclipsa a Google Stadia no seu lanzamento), de xeito que os que queiran probar este novo xeito de xogar terán grandes títulos aos que chantar o dente, aínda que non deixa de ser unha pequena mostra do que deparará o futuro, xa que prevén que xCloud reciba os máis de 3.500 xogos que funcionan en Xbox One actualmente e os 1.900 que están actualmente en desenvolvemento, conformando unha plataforma de xogo en liña sen competencia no que a volume de títulos se refire.
Microsoft pretende que xCloud poida funcionar cos amigos, os logros, as partidas gardadas e os progresos que os usuarios xa teñan en Xbox, polo que adoptar esta plataforma non suporá comezar de cero, e tamén farán que sexa compatible con Xbox Game Pass, o que no futuro podería ser un dos meirandes reclamos para xCloud, xa que facilitaría o acceso a un bo número de xogos (incluíndo as novidades dos estudios de Microsoft) por unha cota fixa mensual.

Vídeo co Inside Xbox da pasada noite

Novos xogos en Xbox Game Pass

De feito, o Xbox Game Pass foi un dos grandes protagonistas da gala de onte, xa que anunciaron medio cento de xogos que se incorporarán a este catálogo, que dende agora mesmo inclúe títulos como RAGE 2 (PC e consola) ou Age of Empires II: Definitive Edition (PC), e para decembro e primeiros do ano que vén incluirá grandes títulos como Darksiders III, My Friend Pedro, Tekken 7, The Witcher 3: Wild Hunt... tres xogos da franquía Yakuza (Yakuza 0, Yakuza Kiwami e Yakuza Kiwami 2) e, como grande sorpresa, dez xogos da franquía Final Fantasy (Final Fantasy VII, Final Fantasy VIII: Remastered, Final Fantasy IX, Final Fantasy X: HD Remastered, Final Fantasy X-2: HD Remastered, Final Fantasy XII: The Zodiac Age, Final Fantasy XIII, Final Fantasy XIII-2, Lightning Returns: Final Fantasy XIII e Final Fantasy XV).
O evento aproveitouse para asegurar que o 3 de decembro Halo: Reach chegará a PC, acompañando así a chegada da Halo: The Master Chief Collection a ordenadores persoais, conversión que provocou que tamén publicasen melloras para Halo 3: ODST e Halo: Reach nas súas versións de consola (que xa están dispoñibles para a súa descarga).
Os Xbox Game Studios tamén prepara xogos moi interesantes para 2020, como Bleeding Edge, Grounded, Minecraft Dungeons, Ori and the Will of the Wisps, Tell Me Why e Wasteland 3, que chegará para consola e PC, e Microsoft Flight Simulator, só con versión para PC.

Anuncio dos xogos que chegarán a Xbox Game Pass nos vindeiros meses

PUBLICIDADE