Microsoft comercializa un ordenador baseado en ARM orientado a desenvolvedores

luns, 24 de outubro do 2022 Marcus Fernández

Microsoft pon a partir de hoxe a desenvolvedores de Australia, Canadá, China, Francia, Alemaña, Xapón, Reino Unido e EE.UU. un interesante equipo informático que presentárase en maio como Project Volterra e que agora responde ao nome de Windows Dev Kit 2023.
Trátase dun ordenador baseado en ARM como os Mac Mini, de xeito que temos un equipo moi compacto e eficiente, que busca converterse nunha ferramenta de utilidade para a creación de aplicacións para ordenadores baseados en ARM, co que Microsoft pretende darlles un empurrón (xa que Windows para ARM continúa a ter grandes carencias no que a aplicacións optimizadas se refire).
O Windows Dev Kit 2023 funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 8cx Gen 3, 32 GB de RAM, 512 GB de almacenamento NVMe, Wi-Fi 6, Ethernet, 3 portos USB-A, 2 portos USB-C e unha saída Mini Display port capaz de atender até a 3 monitores externos, de xeito que sería máis que dabondo para a meirande parte de desenvolvedores de aplicacións informáticas, especialmente agora que o Visual Studio 2022 está optimizado para procesadores ARM e o Windows App SDK conta con soporte nativo de procesadores ARM.
Microsoft asegura que este pequeno equipo conseguirá un funcionamento para desenvolvedores equiparable ao de equipos baseados en procesadores x64, destacando que non só optimizaron o Visual Studio, senón que tamén contan cun desempeño nativo Microsoft Teams, Microsoft 365, Microsoft Edge, Microsoft Defender e OneDrive.
Este interesante equipo pódese adquirir a 599,99 dólares nos EE.UU. e a 699 euros nos países europeos onde está dispoñible, o que é un prezo bastante axustado, especialmente se temos en conta que un Mac Mini con procesador M1, 16 GB de RAM e 512 GB de SSD véndese a 1.259 euros.

O pequeno equipo de Microsoft é capaz de manexar 2 monitores 4K a 60 Hz

PUBLICIDADE