Microsoft compartirá con GameStop os ingresos de xogadores que merquen consolas sen disco

venres, 16 de outubro do 2020 Marcus Fernández

Cando Sony puxo á venda a PSPGo, unha consola portátil sen xogos en soporte físico, topou coa oposición frontal das tendas de videoxogos, que negábanse a vender unha máquina que non suporía para elas ingresos futuros e, xunto co feito de que o negocio real é a venda de xogos e non o de consolas (que no inicio de cada xeración incluso chegan a venderse a perdas), levou a que a PSP sen disco fose un fracaso total, e desta volta as compañías non queren que se repita a historia e, buscando suavizar o inevitable salto ao dixital total están a pechar acordos coas principais canles de distribución, ou iso dan a entender dende GameStop, cadea de tendas de videoxogos que anunciou ter chegado a un acordo estratéxico multi-anual con Microsoft.
Baixo esta alianza as máis de 5.000 tenda de GameStop non só servirían para vender múltiples produtos e servizos de Microsoft aparte das consolas Xbox, senón que tamén insinúa que a compañía de Redmond compartirá os ingresos dos clientes do ecosistema de Xbox con GameStop, ou sexa, que cando un usuario merque unha Xbox en GameStop a tenda levará unha comisión polas compras dixitais que realice tal usuario, o que lembra ás políticas que tiñan os operadores de telefonía móbil nos primeiros anos do sector, que facían que o negocio non estivese na venda de móbiles, senón na captación de clientes.
Baixo estas condicións temos que GameStop non porá atrancos á venda das novas Xbox sen disco, xa que estas operacións suporán ingresos futuros, pois lembremos que as grandes cadeas de videoxogos benefícianse principalmente da venda de xogos novos e, moi especialmente, dos de segunda man, negocios que teñen os días contados ante a proliferación de consolas orientadas aos xogos descargables ou en streaming.

PUBLICIDADE