Microsoft inicia a venda de cascos de realidade mixta para desenvolvedores

martes, 1 de agosto do 2017 Marcus Fernández

Dende Microsoft prometeron que este ano porían á venda cascos de realidade mixta a prezos relativamente asumibles a través dos seus partners, e as primeiras unidades dirixidas a desenvolvedores norteamericanos por fin saíron á venda, de xeito que xa é posible facerse coa casco de realidade mixta de Acer por 299 dólares, mentres que o máis completo casco de HP ten un prezo de 329 dólares (e xa se atopa esgotado).
En ambos cascos falamos dun produto que está baseado nun par de pantallas de 1.440 x 1.440 píxeles cun tamaño de 2,89 polgadas (unha para cada ollo) achegando un campo de visión de 95 graos e cunha velocidade de refresco de 90 Hz, de xeito que sería dabondo para poder gozar de realidade virtual, realidade aumentada e realidade mixta. O sistema tamén conta con tomas para micrófono e auriculares, comunícase co PC por HDMI 2.0 e USB 3.0 e aínda que o seu prezo é bastante axustado, cómpre advertir que na súa condición actual (produtos destinados ao desenvolvemento de aplicacións e xogos) precisan dun equipo informático dunhas prestacións moi elevadas.
Entre as recomendacións para gozar destes cascos estarían o contar cun procesador de escritorio Intel Core i7 dun mínimo de 6 núcleos, 16 GB de RAM, máis de 10 GB de disco libre, gráfica nVIDIA GTX 980/1060 ou unha AMD Radeon RX 480 con 8 GB de memoria e incluso tomas USB capaz de entregar un mínimo de 900 mA. Non falamos así de ordenadores precisamente económicos (só as gráficas xa estarían no contorno dos 400 euros), pero espérase que cando esteamos ante os produtos orientados ao público final as esixencias de hardware sexan moito máis contidas.

PUBLICIDADE