Microsoft podería lanzar un Forza Motorsport de balde para PC

martes, 1 de marzo do 2016 Marcus Fernández

Forza Motorsport e Xbox son dúas marcas que parecían inseparables, pero The Seattle Times está a dar conta nun artigo de Matt Day que actualmente está fóra de liña de probas para expandir a franquía de xogos de condución fóra da consola, levándoa ao PC, confirmando a tendencia actual de que a plataforma Xbox non estea só ligada ás consolas, senón que tamén faga o propio con equipos con Windows 10.
Ao parecer sería o propio director da división de Xbox, Phil Spencer, quen comentou estes detalles durante un encontro coa prensa a semana pasada, asegurando que están “100% comprometidos cos xogos para PC”, aínda que o ven como “un compromiso a longo prazo”, recoñecendo que aínda queda moito por probar (de feito, nas últimas semanas chegaron bastantes críticas ante o feito de que os xogos AAA que están a chegar á tenda de aplicacións de Windows 10 contan con menos opcións que a súa versión para Steam, o que indicaría que Microsoft aínda non ten suficientemente madura a súa plataforma para PC).
Matt Day suxire que os xogos de Microsoft poderían contar a partires de agora con versión para PC, aínda que nalgún caso poderían ser inferiores á de consola, como sería o caso de Forza Motorsport 6: Apex, que sería unha versión do Forza de Xbox que durante a primavera chegaría a Windows 10 como xogo free-to-play. Esta xogada serviría principalmente para pór en valor o potencial da plataforma de Windows 10 para os xogos (ou sexa, para comezar a comerlle terreo á plataforma de xogos de Valve, que actualmente domina o mercado do PC).
Dende Microsoft están a esforzarse para que as funcionalidades de xogo en liña permitan o xogo cruzado, de xeito que usuarios de consola poderían competir con usuarios de PC, ampliando así a masa de xogadores competindo entre si, aínda que esta funcionalidade espérase que só estea dispoñible para un número limitado de títulos (non podemos esquecer que hai títulos que en PC permiten métodos de control alternativos que darían unha importante vantaxe competitiva).

PUBLICIDADE