Microsoft quere facer os xogos máis inmersivos coa tecnoloxía IllumiRoom

xoves, 10 de xaneiro do 2013 Marcus Fernández

Kinect serve para analizar a xeometría do contorno do televisor

Tras o lanzamento de Kinect dende Microsoft deixaron claro que queda espazo para a innovación nos videoxogos, e agora, dende Microsoft Research están a sorprender ao mundo cunha nova proba de concepto chamada IllumiRoom e que consiste en aproveitar a tecnoloxía de Kinect (para analizar a xeometría do noso salón) xunto a un proxector para espallar a imaxe do televisor ao que teñamos a consola de videoxogos para espallar a súa imaxe ao seu contorno, creando unha experiencia moito máis inmersiva.

IllumiRoom leva o xogo fóra do marco do televisor

Este concepto pode lembrarnos á tecnoloxía Ambilight de Philips, que proxectaba luz dunha cor adaptable aos contidos do televisor dende o seu marco, pero desta volta mudaríase a aparencia de toda unha parte da habitación, servindo para ampliar o mundo reflexado na pantalla ou, simplemente, para axudar a transmitir os movementos que se vexan na mesma.
Entre as probas realizadas polos desenvolvedores de Microsoft temos que os disparos dos nosos inimigos poderían saír da pantalla para perderse no noso salón, copos de neve poderían moverse pola nosa parede se estamos a explorar unha paraxe nevada e incluso poderiamos ver as partes da cidade que estamos a percorrer e que non collen dentro do marco do televisor. Un concepto moi atractivo, que haberá que agardar para ver se verá a luz na vindeira xeración de consolas de videoxogos.


Vídeo de presentación da tecnoloxía IllumiRoom

PUBLICIDADE