Mighty No. 9 terá versións incluso para as consolas de videoxogos de nova xeración

mércores, 2 de outubro do 2013 Marcus Fernández

Hai un mes botaba a andar un proxecto de micromecenado que pretendía coller o relevo espiritual do Mega Man de Capcom da man dos seus propios creadores, agora nunha nova compañía (Compcept), conseguindo superar en apenas 2 días os 900.000 dólares precisos para permitir que o xogo vese a luz na primavera de 2015, pero o proxecto de Kickstarter non quixo quedar aí, e definiu unha serie de obxectivos en función das achegas económicas recibidas, de xeito que cantos maiores eran os ingresos, máis grande sería o proxecto.
Temos así que Mighty No. 9 botou a andar como un sinxelo xogo para PC, que podería descargarse a través de Steam para medrar pouco a pouco con novos niveis, contidos adicionais, novos modos de xogo (incluíndo modos en liña) e incluso o salto a outras plataformas. Nos primeiros días confirmouse que o xogo tería versións non son para Windows, senón tamén para OS X e Linux, para confirmarse logo que os usuarios de PlayStation 3, Xbox 360 e Wii U poderían gozar deste título en desenvolvemento, o que xa era un grande logro, que nas últimas horas foi moito máis adiante, pois cos máis de 4 millóns de dólares recadados será posible que o xogo tamén vexa a luz en PlayStation 4, Xbox One, PlayStation Vita e Nintendo 3DS, algo que actualmente está ao alcance de moi poucos desenvolvementos, dando a impresión de que só deixaron fóra do proxecto as plataformas móbiles (o que entendemos que foi unha decisión moi consciente, para manter este novo desenvolvemento dentro do ámbito das plataformas de xogo tradicionais, pois non podemos esquecer que boa parte do seu atractivo é o aroma retro que desprende este prometedor xogo).

PUBLICIDADE