Minecraft xa pode descargarse dende New Nintendo 3DS

xoves, 14 de setembro do 2017 Marcus Fernández

A pasada madrugada Nintendo realizou un novo directo en vídeo para presentar as novidades que se aproxima para Nintendo Switch e a familia de consolas Nintendo 3DS, con especial atención a Super Mario Odyssey, pero con moitas sorpresas que foron capaces de eclipsar ao que sen dúbida será o grande éxito da campaña de Nadal para Nintendo.
O novo grande xogo de Mario chegará ás tendas o 27 de outubro, presentando numerosas opcións que farán que sexa un dos título que máis proveito tire da Nintendo Switch e que será todo un reclamo para a compra da consola de cara ao Nadal, confiándose en que nas vindeiras semanas se solucione o grande problema de existencias que hai aínda nas tendas (pois Nintendo tivo grandes problemas para atender a elevadísima demanda desta consola que demostrou ser todo un acerto ao mesturar consola de sobremesa e portátil). De feito, xa está confirmado que haberá pack de Nintendo Switch con Super Mario Odyssey.

A sorpresa de Minecraft

No Nintendo Direct tamén confirmaron a data de lanzamento de Xenoblade Chronicles II, que verá a luz o 1 de decembro, deron novos detalles sobre Pokémon Ultra Sol e Pokémon Ultra Luna (que chegará o 17 de novembro) e, como grandes sorpresas, que pese a ser produtos pequenos causaron grande impacto, anunciouse a chegada de Minecraft a New Nintendo 3DS a través da eShop (o que aconteceu esta mesma noite) e anunciouse que tamén haberá versións para Nintendo Switch de DOOM e Wolfenstein II: The New Order.

O novo Minecraft destaca por permitir xogar até 8 usuarios simultáneos en liña ou 4 en modo local no televisor (con pantalla partida) e por incluír tamén o Super Mario Mash-Up Pack que inclúe 40 novos skins de Super Mario para transformar aos personaxes en Mario, Luigi, a princesa Peach, Bowser, Wario... así como a posibilidade de escoitar 15 pezas musicais de Super Mario 64 mentres contruímos novos mundos usando bloques inspirados na franquía de Super Mario.

Máis de 30 xogos para os vindeiros meses

Pero foron moitos máis os xogos dos que deron conta (algúns só uns segundos) como os xogos para Nintendo 3DS Mario & Luigi Superstar Saga + Secuaces de Bowser, New Style Boutique 3, Mario Party: The Top 100, The Alliance Alive, Kirby Battle Royale, Metroid: Samus Return e Appollo Justice: Ace Attorney (deixando claro que a plataforma 3DS seguirá moi viva nos vindeiros meses) e os xogos para Switch Morphies Law, Rocket League, Arena of Valor, The Elder Scrolls V: Skyrim, Snipperclips Plus, Arcade Archives: Mario Bros, NBA 2K18, WWE 2K18, FIFA 18, Pokkén Tournament DX, Project Octopath Traveler, Dragon Quest Builders, Kirby Star Allies, SteamWorld Dig 2, Golf Story, Nine Parchments, Battle Chef Brigade, Tiny Metal, Fire Emblem Warriors, Super Meat Boy Forever, Lost Sphear, Sonic Forces, Resident Evil: Revelations e L.A. Noire (o que confirmaría que as third parties confían na Switch, algo que non fixeron con Wii U).

Vídeo completo co Nintendo Direct da pasada noite

PUBLICIDADE