Minibarebone con pantalla incorporada

venres, 19 de setembro do 2008 Marcus Fernández

Os minibarebones son equipos informáticos completos que optimizan o seu tamaño de xeito que son especialmente atractivos para o seu uso coma Media Center ou para ter sobre un escritorio, e un dos fabricantes de referencia deste tipo de produtos, Shuttle, sorprendeu ao incorporar unha pantalla táctil LCD de 7 polgadas cunha resolución de 800 x 480 píxeles na carcasa do seu último equipo, que se pode utilizar tanto como pantalla principal coma secundaria.
O Shuttle D10 sae á venda esta semana no Xapón a uns 330 euros, e permite a instalación de procesadores Intel Core 2 Duo, Dual Core ou Celeron, inclúe 2 Gb de RAM (ampliable a 4 Gb), tarxeta de son Realtek AL C662, tarxeta de rede Gigabit Ethernet e 4 portos USB.
O equipo mide 30,5 x 20 x 18,5 centímetros, ten unha baía de 5,25 polgadas externa e 2 de 3,5 polgadas internas, conectores para discos Serial-ATA e IDE, a súa fonte de alimentación subministra ata 100 W, ten un porto PCI-Express e de xeito opcional pode contar con Wi-Fi e mando a distancia.

PUBLICIDADE