Mio Technology comercializa o GPS Mio C620 con mapas en 3D

martes, 23 de outubro do 2007 Raquel Noya

A distribuidora europea de dispositivos GPS, Mio Technology, vén de introducir no mercado o innovador C620, un navegador que incorpora mapas 3D grazas ao software de navegación MioMap 2008 que inclúe máis de mil puntos de referencia e mapas de elevación dixital. Este dispositivo achégalle ó condutor, segundo os seus creadores, “unha auténtica vista en tres dimensións da estrada que vai percorrendo a través unha pantalla panorámica divisible de 4,3 polgadas”, a mesma que xa integraran os antigos modelos C320, C520 e C520t.
A interfaz desta pantalla permítelle ó usuario acceder ó play/stop do MP3 mentres navega, ver puntos de interese (POIs) en 3D e obter outros datos importantes relativos á ruta, cunha sinxela navegación ó Photo Viewer.
O Mio C620 inclúe os últimos mapas de Tele Atlas (2007.7) e o último en funcionalidade GPS, permitindo o seu funcionamento en cuestión de segundos e un posicionamento rápido grazas á tecnoloxía SiRFstarll para GPS.
Asemade, ofrece alertas de radar con actualizacións de balde durante un ano e a posibilidade de que os usuarios engadan a unha base de datos as localizacións de cámaras de radar que descubran para compartilas con outros usuarios.
O C620 xa está no mercado e o seu prezo oficial é de 399 euros.

PUBLICIDADE