Mirabook: un accesorio que converte smartphones en ordenadores portátiles

mércores, 13 de decembro do 2017 Marcus Fernández

Nos últimos anos non foron poucas as propostas que buscaban usar o smartphone a xeito de ordenador persoal, e así tanto o Continuum de Windows Phone como a base de Samsung DeX facilitaban algo posible grazas á elevada potencia que teñen os teléfonos actuais, o que inspirou a Miraxess a deseñar o Mirabook, un accesorio que busca ofrecer unha experiencia de escritorio convertendo o noso smartphone nun ordenador portátil con pantalla Full HD de 13,3 polgadas, teclado completo e trackpad.
O Mirabook incluso conta con USB-C para carga rápida, saída HDMI, toma de auriculares, 2 portos USB 3.0 e lector de tarxetas microSD, de xeito que quen teña un teléfono compatible poderá facerse con este accesorio para gozar dun ordenador portátil pequeno, lixeiro e coa vantaxe de ter toda a información que levamos no smartphone sen ter que sincronizar datos, xa que é o propio teléfono o que fai de ordenador. Este corpo de ordenador portátil ten un corpo de aluminio negro, pesa 1,2 quilogramos e a súa batería achégalle unha autonomía de até 10 horas.
Aínda que o Mirabook deseñouse pensando principalmente en smartphones con Windows, tirando proveito do modo Continuum, tamén é compatible con smartphones con Android con Slimport como sería os Samsung Galaxy S8 e Note8, os LG G5, V34 e V20, o Huawei Mate 10, os HTC U Ultra e 10 e o Asus ZenFone 3 Ultra (e outros teléfonos máis modernos), e incluso podería funcionar con Raspberry Pi (integrándolle un porto USB-C con DisplayPort) e ordenadores en formato de stick (aproveitando que son compatibles con DisplayPort).
O produto pode reservarse a través de Indiegogo e os envíos, aínda que estaban previstos para este mesmo mes, finalmente iniciaranse en maio de 2018 (aínda que un número limitado de mecenas recibirán unidades de proba nos vindeiros días). O prezo do Mirabook é de 249 dólares, o que non resulta precisamente económico, especialmente se temos en conta que por ese prezo hai ordenadores portátiles que non precisan dun smartphone para funcionar.

Vídeo promocional do Mirabook

PUBLICIDADE