Mitele Plus contará con distintos paquetes de fútbol de pagamento

martes, 30 de xullo do 2019 Marcus Fernández

Hai uns días desvelouse que Mitele Plus, plataforma de vídeo baixo demanda de Mediaset, ofrecería fútbol de pagamento como un complemento do seu plan de 2,5 euros/mes (ou 25 euros/ano) para acceder aos contidos do grupo mediático sen publicidade, e agora detállase que esta oferta de contidos é bastante flexible, o que contribuirá a que chegue a un maior público.
Sabemos así que Mitele Plus terá 3 modalidades de contido Premium: LaLiga (con todos os partidos de LaLiga Santander e LaLiga 1#|2|3) por 19,99 euros/mes, Liga de Campeones (cos partidos da UEFA Champions League) por 16,99 euros/mes e Fútbol Total (incluíndo a maiores a Europa League e a Supercopa de Europa) por 35 euros/mes (30 euros/mes os tres primeiros meses de contratalo antes do 30 de setembro). Os contidos deportivos poderían verse tanto en directo como á carta, pero aínda non sabemos detalles como a calidade na que realizarán as emisións, o número de retransmisións simultáneas que poderá recibir cada usuario ou cando botará a andar este servizo que resultará atractivo para quen non queira ligar a contratación do fútbol a un operador de telecomunicacións.

PUBLICIDADE