Móbil especial para labregos con tractor

xoves, 1 de marzo do 2007 Fernando Sarasketa

Os móbiles, coma os traxes, tamén che poden acaer ben ou mal, e a industria semella cada vez máis interesada en facelos á medida das nosas teimas. Non imos falar aquí de móbiles deseñados para unha persoa determinada e incluíndo de fábrica o seu nome e os seus apelidos (a cousa non chega a eses límites de exhaustividade), pero si que se están a ver xa aparellos desenvolvidos para profesións determinadas. Como por exemplo o F@rmphone, que é un trebello PDA con teléfono e GPS (baseado en Windows Mobile) e de uso práctico para os que traballen directamente na terra. Non en van, inclúe un sistema de localización para guiar os tractores en liña recta, e tamén pode avaliar o chan, medilo ou mesmo almacenar a localización exacta onde se efectúa unha exploración de terra.
Tamén se serve directamente de Google Maps, que lle achega ó móbil e ó usuario o percorrido que este vaia facendo ou vaia facer. O seu prezo oscila entre os 1.200 euros e os 1.900, dependendo do que queiramos ter instalado.

PUBLICIDADE