Mochila e trolley para portátiles nunha peza: ideal para os viaxeiros

mércores, 29 de outubro do 2008 Raquel Noya

Port Designs, a firma de solucións de transporte, protección e ergonomía para ordenadores portátiles, vén de dar a coñecer a súa última liña de accesorios para os mesmos, a gama Manhattan.
Esta nova familia de produtos de Port Designs está integrada por seis modelos diferentes, todos eles fabricados en nailon balístico 1680D de alta calidade, un material extremadamente resistente á vez que lixeiro e doado de limpar, que se vén empregando dende hai uns cantos anos no ámbito industrial polo seu óptimo rendemento.
Estes produtos veñen abandeirados polo innovador modelo Manhattan Trolley Backpack, unha mochila que, mediante un doado sistema que incorpora na parte traseira e dúas pequenas rodas, pode usarse como trolley. Deste xeito, o usuario pode escoller a solución de transporte que mellor se adapte ás súas necesidades, e transportar con seguridade e comodidade os seus ordenadores portátiles.
Este modelo incorpora, asemade, unha protección traseira de escuma reforzada que axuda a previr lesións nas costas á vez que contribúe a protexer o equipo.
Para transformar a mochila nun trolley tamaño cabina, só hai que estirar o brazo telescópico que esta leva integrado na parte traseira. Dúas rodas de 6 cm. de diámetro con rodamento silencioso, semiocultas na parte inferior, completan este sistema, permitindo tirar con facilidade da mochila e evitando que manchemos a roupa.
Esta nova bolsa de transporte é compatible con portátiles de pantalla de ata 15,4” e inclúe un peto dianteiro para accesorios así como un gran compartimento central para documentos e efectos persoais.
A mochila trolley Manhattan costa 69,90 euros e as súas dimensións totais son de 37 x 29 x 14,5 cm.
Ademais desta mochila, a familia Manhattan ofrece solucións de transporte de todo tipo, incluíndo tres modelos diferentes de maletín con capacidades para pantallas de entre 10 e 18 polgadas, compatibles cos novos formatos de pantallas introducidos este fin de ano polos fabricantes.
Port Designs tamén ofrece trolleys con tres compartimentos diferenciados ou mochilas con petos laterais de neopreno e parte traseira ergonómica.
Tódolos modelos teñen garantía de por vida e estarán dispoñibles nas tendas FNAC e Mediamarkt/Saturn a partires do vindeiro mes de novembro.

PUBLICIDADE