Moment presenta un novo obxectivo de 58mm para móbiles

martes, 13 de novembro do 2018 Marcus Fernández

Os amantes da fotografía móbil, pese á incorporación de cámaras dobres e triplas nos smartphones, aínda atopan certas limitacións para desatar a súa creatividade, ao que compañías como Moment responden comercializando obxectivos externos que poden fixarse ao teléfono empregando unha funda especial, e dentro destes atractivos produtos veñen de estrear o que posiblemente será o seu obxectivo estrela da tempada: o Moment 58mm.
Falamos dun teleobxectivo de 58 milímetros, deseñado para funcionar cos últimos iPhone, Google Pixel e Samsung Galaxy, que nos teléfonos con cámara dual suporía unha focal de 120mm (ou zoom de 4x) mentres que nas cámaras normais conseguiría unha focal máis tradicional (54mm ou un zoom de 2x).
A distancia focal de 58mm está considerada moi axeitada para a toma de retratos ou para enforcar detalles, conseguindo tamén boas tomas cando queremos capturar un elemento sen ter que achegarnos demasiado. En definitiva, engade versatilidade á cámara do smartphone, achegándoa ás posibilidades dunha cámara con obxectivos intercambiables.
Este novo obxectivo véndese a un prezo oficial de 99,99 dólares (79,99 dólares en promoción) aos que habería que engadir a funda para o noso dispositivo en concreto (que vale tamén para empregar outros obxectivos Moment), que custaría entre 23,99 e 29,99 dólares. Os gastos de envío a España estarían entre os 15 e os 37,12 dólares en función da velocidade de envío elixida.

Vídeo promocional do novo obxectivo de Moment

PUBLICIDADE