Monster Hunter: World chegará a consolas o 26 de xaneiro

martes, 19 de setembro do 2017 Marcus Fernández

Entre o xoves e o domingo desenvolverase unha nova edición do Tokyo Game Show, feira de videoxogos para a que compañías como Capcom reservan algúns anuncios, como a data de lanzamento de Monster Hunter: World, xogo que finalmente veremos en PlayStation 4 e Xbox One o 26 de xaneiro, cunha versión para PC que chegará máis adiante. Amais, tamén se detalla que, aparte da edición estándar, tamén haberá unha edición dixital de luxo (con máis contidos descargables) e unha edición física para coleccionistas.
Os xogadores que reserven Monster Hunter: World en Europa para consola recibirán contidos adicionais (unha armadura, un talismán e un par de temas con ilustracións do xogo no caso da PS4); a edición dixital de luxo do xogo inclúe de xeito adicional o conxunto do samurai (3 xestos extra, 2 conxuntos de adhesivos extra, 1 pintura facial extra e 1 peiteado extra); e para os máis entusiastas, existe unha edición para coleccionistas que inclúe todo o anterior e tamén unha figura de Nergigante (cunhas dimensións aproximadas de 170 x 140 x 125 milímetros), a banda sonora especial do xogo e un libro de ilustracións.
A maiores, Capcom tamén preparou un novo tráiler do xogo para amosar durante o Tokyo Game Show:

Así é a edición para coleccionistas de Monster Hunter: World

PUBLICIDADE