Monster Hunter: World será un xogo cooperativo global

martes, 13 de xuño do 2017 Marcus Fernández

A conferencia de Sony durante o E3 foi a que serviu para que se dese a coñecer unha das grandes sorpresas de Capcom, Monster Hunter: World, unha nova entrega dunha franquía de xogos de rol que superou os 40 millóns de copias vendidas, e que agora presenta un ecosistema vivo e moi amplo no que poderemos xuntar forzas con outros 3 xogadores para dar caza a feroces bestas.
O máis salientable deste título é que o xogo en liña carecerá de bloqueo rexional, ou sexa, poderán colaborar xogadores de distintos recantos do mundo, xa que estamos ante a primeira ocasión na que un xogo de Monster Hunter sae simultaneamente a nivel mundial, estando prevista a súa chegada a PS4 e Xbox One a primeiros de 2018, mentres que a versión para PC chegará un pouco máis adiante.
Este novo xogo conservará as características básicas da saga, como un sistema de progresión baseado en habilidades, pero tamén sorprenderá a moitos pola inmensidade dos seus mapas (sen tempos de carga entre rexións) e as súas transicións entre noite e día que achegarán unha experiencia moi completa na que os xogadores poderán tirar proveito do terreo, a vexetación e a vida salvaxe para levar adiante as súas tácticas.

Tráiler de presentación de Monster Hunter: World

PUBLICIDADE