Monument Valley estrea secuela

martes, 6 de xuño do 2017 Marcus Fernández

No ano 2014 Ustwo Games sorprendeu ao mundo co seu xogo Monument Valley, que consiste en guiar a unha princesa a través de labirintos baseados en estruturas imposibles e ilusións ópticas na liña das célebres ilustracións de M. C. Escher, destacando este título polo seu coidado deseño gráfico e banda sonora, conseguindo unha ambientación moi fermosa que valeulle o Apple Design Award de 2014, á vez que tamén foi considerado como o mellor xogo para iPad dese ano.
Tras vender ducias de millóns de unidades, contar con versións para varias plataformas e incluso aparecer na serie de televisión House of Cards, parecía evidente que o xogo tería secuela, e a súa estrea chegou en plena WWDC17, cando empregouse como exemplo Monument Valley 2, xogo que xa podemos descargar da App Store a un prezo de 5,49 euros.
Desta volta o xogo propón guiar a unha nai (Ro) e á súa filla a través de arquitecturas máxicas, de xeito que teremos unha aventura nova ambientada no mesmo universo, que cativará aos que gozaron da primeira entrega, aínda que non é preciso tela xogado para poder gozar deste xogo do que aínda non detallaron cando sairá para Android nin se terá novos episodios descargables para ampliar a experiencia.

Tráiler de lanzamento de Monument Valley 2

PUBLICIDADE