Motorola presenta 3 novos móbiles da familia RAZR

mércores, 5 de setembro do 2012 Marcus Fernández

Motorola decidiu hoxe relanzar a súa familia de móbiles RAZR, actualizándoa para poder facer fronte á competencia en case todos os ámbitos, o que se traduce en 3 novos terminais no seu catálogo: os RAZR M, RAZR HD e RAZR HD MAXX. Co RAZR M Motorola quere chegar a un público amplo, o RAZR HD busca ser o terminal insignia da compañía (rivalizando directamente co Samsung Galaxy S III) e co RAZR MAXX HD pretende atender a demanda de móbiles intelixentes con boa autonomía. Un dos detalles que teñen en común estes móbiles é o xeneroso tamaño das súas pantallas, deixando moi pouca marxe lateral, o que permite darlle unha aparencia máis compacta que outros móbiles con pantallas semellantes.

O Motorola RAZR MAXX HD conta cunha batería de 3.300 mAh para o que engorda menos dun milímetro e 11 gramos

O pequeno da familia, pese a non ser precisamente cativo, sería o Motorola RAZR M, que con Android 4.0.4, unha pantalla Super AMOLED de 4,3 polgadas cunha resolución de 540 x 960 píxeles, un grosor de só 8,3 milímetros e un peso de 126 gramos é capaz de albergar no seu interior un procesador de dobre núcleo a 1,5 GHz, 1 Gb de RAM, 8 Gb de almacenamento interno ampliable mediante tarxetas microSD, cámaras de 8 e 0,3 Mpíxeles, Wi-Fi N, Bluetooh 4.0, GPS, NFC e incluso unha batería de 2.000 mAh, polo que podería considerarse un magnífico terminal que pouco tería que envexar aos de alta gama doutros fabricantes.
Pero Morotola quixo levar os seus móbiles un chanzo máis arriba co Motorola RAZR HD, que aínda que inicialmente veña con Android 4.0.4 promete actualizarse a 4.1 nos vindeiros meses (como o resto dos móbiles presentados hoxe) e funciona cun procesador de dobre núcleo a 1,5 GHz, pantalla Super AMOLED de 4,7 polgadas (cunha resolución de 720 x 1.280 píxeles), 1 Gb de RAM, 16 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD), cámaras de 8 e 1,3 Mpíxeles, Wi-Fi N, Bluetooth 4.0, NFC, HDMI, DLNA e unha impresionante batería de 2.530 mAh (o que debería de permitir traballar todo o día tras unha carga completa), que pese a ser tan completo consegue manter un grosor de só 8,4 milímetros e un peso de 146 gramos, que de comparalo co Samsung Galaxy S III empatarían en case todos os apartados agás en pantallas (ten 0,1 polgadas menos), memoria RAM (ten só 1 Gb fronte aos 2 Gb do terminal de Samsung) e capacidade da súa batería (supera ao Galaxy S III en 400 mAh).
Este último móbil ten unha variante, o Motorola RAZR MAXX HD, que diferénciase na incorporación dunha impresionante batería de 3.300 mAh, o que fai que incremente o seu grosor a 9,3 milímetros e o seu peso a 157 gramos, o que parece un pequeno prezo a pagar para poder gozar dunha autonomía un 30% mellor, distanciándose considerablemente do resto de terminais do mercado, que en contadas ocasións chegan aos 2.000 mAh.

PUBLICIDADE