Motorola presenta o novo Moto G xunto con 2 novos Moto X

martes, 28 de xullo do 2015 Marcus Fernández

Tras a filtración da meirande parte de detalles relativos ao novo Moto G, poucas eran as novidades que hoxe podía presentar Motorola, pero finalmente non só renovou o Moto G, senón que tamén presentou dúas novas versión do Moto X, conseguindo colocar unha oferta de smartphones que atenden a un amplo abano de necesidades, que irían dende o teléfono de gama media de referencia até os terminais con esixentes cámaras e coidados materiais.
Motorola presenta así varios smartphones con numerosas personalizacións, multiplicando as opcións para o usuario, adaptándose así á percepción do usuario, que ve o seu teléfono como un dispositivo moi persoal, que ten que encaixar co seu estilo.


Vídeo coa presentación de hoxe

O Moto G de terceira xeración

O novo Moto G continúa na liña dos seus predecesores, pero mellorando a súa resistencia (agora ten certificación IPX7 contra a auga) que, xunto coa pantalla con Corning Gorilla Glass fai que estea preparado para o día a día. Tamén avanzou na mesma liña que a segunda versión, de xeito que volve a mellorar a súa cámara, incluíndo agora unha cámara traseira de 13 Mpíxeles. E todo isto mantendo unha batería capaz de aguantar todo o día.
Debullando as especificacións atopamos unha pantalla de 5 polgadas cunha resolución de 1.280 x 720 píxeles, procesador Qualcomm Snapdragon 410 de catro núcleos a 1,4 GHz con gráfica Adreno 306, 1 GB de RAM e 8 GB de almacenamento interno ou 2 GB de RAM e 16 GB de almacenamento interno (ambos ampliables mediante tarxetas microSD de até 32 GB), cámara traseira de 13 Mpíxeles, con HDR, cámara lenta e flash dual LED, cámara frontal de 5 Mpíxeles, LTE, Wi-Fi N, Bluetooth 4.0, sistema operativo Android 5.1.1, un grosor de 6,1-11,6 milímetros, un peso de 155 gramos e modelos en cor branca ou negra que poden completarse con fundas de cores variadas e rechamantes.


Vídeo promocional do novo Moto G

Moto X Play

O Moto X Play chega nun tamaño máis xeneroso (a súa pantalla é de 5,5 polgadas), tamén é resistente á auga, e presume dunha autonomía que chegaría até as 48 horas. O seu punto forte sería a súa cámara de 21 Mpíxeles e sería un terminal que xa poría un pé na gama alta, pero contendo as súas prestacións para non disparar o seu prezo.
Este novo teléfono con pantalla Full HD de 5,5 polgadas ten un procesador Qualcomm Snapdragon 615 de 8 núcleos a 1,7 GHz e gráfica Adreno 405, 2 GB de RAM, 16/32 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de até 128 GB), cámara traseira de 21 Mpíxeles con flash de dobre LED, cámara lenta e HDR automático, cámara frontal de 5 Mpíxeles, LTE, Wi-Fi N, Bluetooth 4.0, NFC, protección repelente da auga, Android 5.1.1, batería de 3.630 mAh, un grosor de 8,9-10,9 milímetros, un peso de 169 gramos e versións en branco e negro con 14 carcasas traseiras distintas dispoñibles e 7 cores de acento.


Vídeo promocional do Moto X Play

Moto X Style/Moto X Pure Edition

Co Moto X Style, que nos EE.UU. responde ao nome de Moto X Pure Edition, levaría a súa pantalla até as 5,7 polgadas e tamén presume de sistema de carga rápida que permítelle funcionar durante 10 horas con só 15 minutos de carga.
Esta versión potenciada do Moto X non só melloraría a súa pantalla (agora cunha resolución de 2.560 x 1.440 píxeles nun panel de 5,7 polgadas), senón que podiamos dicir que se trata dunha entrada decidida na gama alta, mantendo un prezo contido, xa que este terminal tamén inclúe un procesador Qualcomm Snapdragon 808 de 6 núcleos a 1,8 GHz con gráfica Adreno 418, 3 GB de RAM, 16/32/64 GB (ampliable mediante microSD de 128 GB), Bluetooth 4.1 e Wi-Fi AC, sorprendendo por empeorar a batería (3.000 mAh, que só daría autonomía para máis dun día), incrementar o grosor (6,1-11,06 milímetros) e o peso (179 gramos). A nivel de personalización, tamén conta cunha ampla gama de combinacións de cor, entre as que non faltan as atractivas traseiras de bambú.

O Moto X Style estará dispoñible en distintas combinacións de cores

PUBLICIDADE