Motorola presenta un smartphone con cámara de 200 Mpíxeles

venres, 9 de setembro do 2022 Marcus Fernández

Motorola presentou esta semana novos terminais da serie Edge 30 dos que resulta especialmente relevante o Motorola Edge 30 Ultra, xa que estamos ante un móbil de alta gama, cun prezo de venda de 899 euros, que presume da cámara coa resolución máis alta do sector: 200 Mpíxeles.
A cámara do Motorola Edge 30 Ultra pode así presumir dun enorme sensor que consegue grandes imaxes nítidas e vivas, aínda que as súas capacidades non se limitan a captar imaxes con alta resolución, senón que tamén conta con estabilizador óptico de imaxe, pode gravar vídeo en 8K e utilizando a tecnoloxía Ultra Pixel consegue filmar vídeo en 4K con HDR10.
Tamén conta cun obxectivo ultra grande angular de 50 Mpíxeles e un teleobxectivo de 2x e 12 Mpíxeles que coa súa apertura f/1.6 resulta ideal para retratos. A cámara frontal tampouco queda curta, cun sensor de 60 Mpíxeles e gravación de vídeo en 4K.
Este impresionante teléfono funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 8+ Gen 1, 12 GB de memoria LPDDR5, 256 GB de almacenamento UFS 3.1, pantalla pOLED Full HD+ de 6,67 polgadas cun refresco a 144 Hz e lector de impresións dixitais, son estéreo con Dolby Atmos, Bluetooth 5.2, Wi-Fi 6E, resistencia IP52 e batería de 4.610 mAh con carga rápida por cable a 125 watts, a 50 watts sen fíos e coa posibilidade de cargar de cargar sen fíos outros dispositivos até a 10 watts.
Estamos así ante un smartphone con Android 12 que pode considerarse un auténtico gama alta, que incluso conta cun modo para conectarse sen fíos a pantallas externas para traballar como se estivésemos nun equipo de escritorio ou para facer videochamadas ao grande, polo que realmente habería moi poucos dispositivos capaces de facerlle sombra pese a ter prezos máis elevados.

A cámara traseira de 200 Mpíxeles é o principal reclamo deste smartphone de Motorola

PUBLICIDADE