Motorola renova o seu teléfono modular

venres, 2 de xuño do 2017 Marcus Fernández

Motorola non tirou a toalla cos seus teléfonos modulares, e decidiu presentar unha segunda xeración do seu Moto Z Play, que continuará a ampliar a súa experiencia cos accesorios coñecidos como Moto Mods. O Moto Z2 Play é un novo teléfono con carcasa unibody de metal e pantalla Super AMOLED Full HD de 5,5 polgadas, procesador Qualcomm Snapdragon 626 de 8 núcleos, e batería de 3.000 mAh (o que supón unha autonomía de até 30 horas, capaz de funcionar durante 8 horas con só 15 minutos de carga).
O teléfono integra unha cámara traseira de 12 Mpíxeles con apertura f/1.7, cámara frontal de 5 Mpíxeles con flash de dobre LED, e ponse á venda en dúas versións: unha con 3 GB de RAM e 32 GB de almacenamento e outra con 4 GB de RAM e 64 GB de almacenamento (ambos ampliables mediante tarxetas microSD). O primeiro mercado no que se vende este smartphone é Brasil, onde está xa dispoñible por 1.999 reais (545 euros).
Un detalle curioso do novo modelo de Moto Z Play é que reduciu o seu grosor e o seu peso, aínda que a costa de perder batería, decisión algo discutible.


Entre os Moto Mods que están dispoñibles destacan o Moto GamePad (que converte o teléfono nunha consola portátil), o JBL SoundBoost 2 (que mellora a calidade sonora do terminal), o Moto TurboPower Pack (que incrementa a autonomía do teléfono até un día máis) e o Moto Style Shell with Wireless Charging (que engade carga sen fíos).

Vídeo promocional do Moto Z2 Play

PUBLICIDADE