Movi, unha pequena cámara que pode simular ser varias

luns, 4 de xaneiro do 2016 Marcus Fernández

Cando falamos de fotografías de moita resolución é habitual dicir que demasiada definición só serve no caso de querer recortar a imaxe, e precisamente esa idea é a que están a coller para Movi, unha cámara Wi-Fi para transmitir vídeo a través da Internet que conta cun sensor 4K (3.840 x 2.160 píxeles) que aproveita para transmitir vídeo en alta definición (1.280 x 720 píxeles a 30 cadros por segundo) de xeito que podemos controlar a zona de recorte cun dispositivo móbil (polo momento só con iOS) para así poder simular retransmisións multi-cámara ou incluso facer seguimentos de obxectos que se moven, mentres a cámara permanece estática no seu soporte.
Temos así unha orixinal cámara que permite ao usuario dirixir gravacións ou emisións en directo con simplemente pinchar sobre a pantalla do seu móbil, podendo incluso aproveitar a tecnoloxía de detección de caras e movemento para que a cámara siga a unha persoa en concreto. Para facilitar este proceso de dirección, a aplicación suxerirá un mínimo de 9 planos diferentes sobre os que podemos alternar, de xeito que teremos grande liberdade e conseguindo reproducir un control de realización con só unha cámara e un smartphone.
O vídeo que se crea tamén pode gravarse nunha tarxeta microSD (inclúe unha de 16 GB), e integra unha batería de 1.200 mAh de xeito que podería retransmitir até unha hora de streaming, aínda que será posible incrementar a batería cun accesorio que engade unha batería de 12.000 mAh (de xeito que daría para entre 5 e 10 horas de vídeo).
Aínda que a cámara funciona principalmente a través de Wi-Fi N, o esmo accesorio que amplía a súa batería tamén permite que poida usarse con algúns modems 4G USB e por Fast Ethernet, á vez que dota á cámara de resistencia á auga.
Unha das cousas máis atractivas desta cámara é o seu prezo actual, que en reserva é de 199 dólares, mentres que o seu prezo tras o inicio do seu proceso de comercialización ordinario (no mes de abril) será 200 dólares superior. O mencionado accesorio que mellora a resistencia, autonomía e conectividade tamén pode encargarse por 200 dólares adicionais.

Vídeo promocional da cámara Movi

PUBLICIDADE