Multiplícanse os ataques de virus dende falsas ligazóns nos correos electrónicos

luns, 10 de setembro do 2007 Matías Olazabal

Mensaxes na liña do xa mítico “tes que ver isto” ou o máis anovador “saes nun vídeo de Youtube, preme aquí para velo” son algunhas das tácticas máis usadas na actualidade para a instalación de virus, concretamente troianos nos nosos sistemas, segundo vén de informar a compañía Tred Micro, responsable do software antivirus Pc-cillin.

Se ben por unha parte semella que as advertencias sobre a descarga de documentos de orixe dubidosa e a visita a páxinas descoñecidas está abondo espallada como para que a xente “non trabe no anzol”, a verdade está lonxe de ser así, xa que na actualidade os piratas usan a denominada “enxeñería social” para espertar o interese do internauta e levalo a páxinas falsas dende as que se descargarán de xeito automático os virus nelas contidos.

Por outra banda, nun artigo do xornal Infobae dise estes días que no primeiro semestre de 2007 descubríronse un 40 por cento máis de ataques ca no mesmo período de 2006. Como podedes adiviñar o método por excelencia consiste en enviar e-mails con falsas ligazóns a páxinas que semellan as orixinais, pero finalmente só serven para infectar os nosos ordenadores. E que pódemos facer para evitar isto? O de sempre: manter un antivirus actualizado, non abrir arquivos dubidosos, e agora súmase a esta listaxe non premer en vínculos incluídos en e-mails, senón buscar ese lugar dende un motor de pescudas coma Google, por exemplo.

PUBLICIDADE