Muxía xa poden dispón dos servizos avanzados de R

venres, 30 de abril do 2021 Sandra Rivadulla

Os habitantes de Muxía xa poden dispoñer dos servizos avanzados de telecomunicación que ofrece empresa telefónica R. Así, 1027 fogares e negocios quedarán preparados para recibir os servizos avanzados de teléfono, internet de ata 500 Mbps simétricos e televisión dixital multicanle de R.
En total destináronse 10 millóns de euros en fondos europeos. Isto enmárcase nos proxectos do Plan PEBA-Avanza do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital. Concretamente, o despregamento en Muxía sitúase no eixo do proxecto destinado á extensión de redes de nova xeración en 154 núcleos de municipios do noroeste de Galicia. Para estas actuacións, ofrécense preto de 2,6 millóns.
Cómpre mencionar que hai dous proxectos máis de despregue de banda larga de nova xeración con tecnoloxía FTTH. Un levarase a cabo en 162 núcleos do centro-oeste de Galicia e contará cun investimento de 3,58 millóns de euros, mentres que o segundo desenvolverase en 196 núcleos do suroeste de Galicia e suporá un investimento total de 3,75 millóns de euros.
Desta forma, arredor de 32.000 novos fogares e negocios de Galicia quedarán conectados ás redes de nova xeración de R cando rematen as actuacións adxudicadas en 2018 ao operador galego polo Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital. A estes traballos deben engadirse as tarefas de extensión de redes avanzadas que R desenvolveu a partir de 2016, en virtude doutro concurso do Plan PEBA do Ministerio para achegarlles tamén a tecnoloxía FTTH a diferentes zonas brancas da xeografía galega.

PUBLICIDADE